xoves, 1 de febreiro de 2024

El Peñotillo (La Maliciosa): Diedro Mogoteras e Son Rumores

De volta escribindo algo para arquivar/socializar, exercicio que non quero deixar de facer alén de que cada día me coste máis poñerme diante do computador. Hai uns meses, fuxindo das persistentes choivas deste ano no noroeste, e como tamén estaba o concerto de Screamin' Cheetah Wheelies en Madrid, marchei a ocuparlle a casa a Pablo unha tempada e que me sacase de paseo. O tempo estivo algo raro tamén na zona centro pero poidemos aproveitar e gozar da compañía doutros colegas, neste caso tamén nos acompañou Ivan, enorme persoa e especime trepador de calidade, he he.

Nunca escalara no contorno da Maliciosa. O Peñotillo é unha parede un pouco máis modesta que podemos ver á súa esquerda e un pouco máis baixa segundo ollamos para a serra, como a unha hora a pico camiñando desde o aparcadoiro da Barranca (ao se accede desde a vila de Navacerrada). A rocha é excelente, percorrida por placas e fendas de calidade cunha lonxitude de arredor dos 100 mts. Ese día ía fresco e, pola tarde, levantouse vento asi que fixemos dúas vías e saimos pitando. Quentamos no Diedro Mogoteras, clásico a tope e moi recomendable para tomar contacto, e despois fomos apretar na Son Rumores, cun primeiro longo moi bonito, aínda que cun final finísimo de placa, porén necesario para a beleza granítica dos longos superiores, máis humanos e de grande calidade. Perfectamente equipada. Unhas fotos

Na segunda tirada do Diedro Mogoteras, V+

Iván gozando do L3 do Diedro, tirada longa ata arriba.

 

                  Video que me fixeron no L1 da Son Rumores, pouco durei subido a esa placa, he he.

Ivan soluciona con mestría o L2 negociando unha fendiña preciosa, 6c.

Bosquexiño que fixen da situación das dúas vías, fusilando unha foto da zona central do Peñotillo que saia por internet e que espero que non moleste a ninguén.

Ao día seguinte que daban malo fomos coñecer San Martin de Valdeiglesias, este sector El Callejón ten moi boas vías. Pablo baixando de Elevando los sentimientos, un 7b ben chulo... e ao solazooooo!!!



venres, 13 de outubro de 2023

Oliana (Cinglera de Esplovins): Anna Rubio

De novo na Cinglera de Esplovins, na parte da parede que denominan Esperó de les Orenetes, nesta parte podemos ollar un muro precioso e longo que surcan varias rotas, UES, EDER. Alfa-Centauro, Platinun... Trátase dunha parede enorme que á esquerda se extende pola Torre de Lleida e chega ata a ferrata Regina pola que faremos parte do descenso habitual destas paredes. A ferrata, por sorte, coido que está pechada por falta de mantemento, unha verdadeira peniña que os plans científicos de conservación da natureza non contemplaron!!!

Esta vía pareceume unha verdadeira marabilla. A aproximación farémola desde a antiga estrada que rodea o tunel de Obaga Negra (como a 100 mts da estrada C-14) onde unha barranca (unha fita ao comezo) mostraranos a accesibilidade ata a parede cun sendeiriño cómodo que sobe directo á súa base, para isto andaremos desde o tunel anterior (tunel de Esplovins), onde deixaremos o vehículo, porque baixaremos do cumio pola zona da ferrata Regina, así temos o coche ao chegar embaixo. A Anna Rubio comeza na feixa superior polo que teremos que acceder a ela, nós subimos seguindo a parte inferior da UES, fácil e equipada, con algo de aire, pero algo rota e bastante longa (7 longos nos que se pode ensambrar aínda que ás veces é delicado pola rocha). Como dicía, a Anna Rubio é unha vía excelelnte, busca as placas de rocha esquisita e practicamente ningún longo ten desperdicio, a tirada chave é a quinta, e é unha das mellores tamén. Case toda equipada mais hai que levar friends do 0,2 ao 1#, nós enlazamos o L8 e L9 pero hai que xestionar as cordas. Fomos co bosquexo do Luichy, como sempre agradecidos pola boa info de tantas vías e zonas, respectade estes bosquexos gratuítos e non fusiledes guías colgando fotos delas en internet.

O L1, moi bo (6a+), despois da feixa á que accedimos pola UES

Este L2 era magnífico (6b)

L3 de 6c, con placa fina ao comezo.

No L4 (V+), despois de pasar a segunda feixa (onde atopamos a cabeza ósea dun voitre perfectamente conservada)

Lugar espectacular, este é o L5 (6c), coido que é o longo chave, unha verdadeira marabilla de escalar.

Miguel de novo, agora no L6 (6a), aquí algún friend vén moi ben.

Outro longo precioso e onde usaremos os friends, L7 (V+)

O L8 é unha placa ben bonita (6a+), nós enlazamolo co L9 (6a+) que saía por ese teito, con canto, que temos enrriba. Para enlazalos hai que xestionar as cordas.

Miguel chegando ao cumio despois do teito.
 

Sorpresa que nos atopamos en perfecto estado, a natureza sempre nos sorprende!

 

luns, 2 de outubro de 2023

Pared da Cascada (Oliana. Cinglera dels Esplovins): Je´le Truvé

Escalar na Cinglera dels Esplovins é un luxo, alén de sermos de lonxe, porque hai que buscar o momento. Paredes brutais nun contorno precisoso, unicamente mitigado pola estrada, regado por vías de todas as características e con certa sensación de illamento, con accesos para ir coñecendo e descensos relativamente longos, en fin...o conxunto de escenarios que que nos move polas montañas e que chamamos alpinismo. Só compre buscar o momento, moita calor no verán e frío intenso no inverno, hai que buscar veraniños invernais ou aproveitar a primavera ou o outono sempre que non nos bata o sol moito. Con Miguel, mellor compaña imposible!!

A Je´le Truvé está na parede da Cascada, un dos muros estrela da Cinglera de Esplovins, e ten fama merecida porque a vía é moi boa. Case todos os longos teñen algo que salientar e ten a comodidade de que escalamos con bolts, excepto no L8 e ao final dos L6 e L9 (cunhas poucas chapas máis arranxaríase o tema de levar os friends??) e benvida sexa a protección porque vas maioritariamente por placas. Aínda que o grao é duro non obriga moito, a realidade é que pode facerse toda en libre decentemente, excepto unha sección a bloque moi duro no L2 (un par de chapas) e outro bloque moi fino no L5 (unha chapa), constituíndo unha escalada sobre placa desplomada de categoría... Bo bosquexo, como de costume, de RomanticGuerrer
 
Miguel comezando a vía (6a), muro brutal por riba!!

Ese L1 visto desde arriba non era tan de correr, he  he.

O L2 era moi bo (7c?), o meu compi apretando. Despois dese teito había un bloque ben duro.

De novo Miguel comezando o L3 (7a+), era bonito pero costaba porque tiña as chapas algo desviadas, tiñas que chapalas cando estabas por riba delas.

Coido que ao final do L4 (6a+)

O L5 (7b) preciosa placa!

Comezando o L6 (6c), aquí ao final metes algún friend.

O último longo (6a) cómpre negocialo.

sábado, 26 de agosto de 2023

martes, 22 de agosto de 2023

Alpes. Chamonix: Travesía Midi-Plan

O macizo do Mont Blanc sempre será un privilexio para o alpinismo. Desde que teño uso de razón Chamonix foi crecendo, pasou de ser practicamente dúas rúas a convertirse nunha pequena cidade, cada vez máis turismo pero con espazo para todo o mundo, aínda que ás veces tes que compartir" terreo ou mudar de intencións sobre a marcha... A arista-travesía Midi-Plan é unha ruta perfecta para a aclimatación e unha actividade moi interesante como ruta sinxela e con sabor a alta montaña e a alpinismo. Esta vez con Manu, Araceli, Miguel e Cesar, comezando co seu primeiro ano no ENAG.

A travesía Midi-Plan soe seguirse perfectamente, en verán normalmente con traza e, en xeral, a diferenza da arista de Cosmiques, con menos afluencia de xente. Persoalmente gústame esta ruta porque coido que é completa, máis cando aínda ten algo de neve, principalmente pola canle que hai previa ao Rognon de Plan, sen neve tamén se fai ben pero esta canle  é case unha pedreira. Modifico un bosquexo no que se mostra a ruta engadindo o descenso e escalada do Rognon de Plan, xa que as veces que a fixen me atopaba que a xente ali dubidaba bastante ao chegar ao rapel. A travesía é fácil pero, se comezades a movervos neste terreo, non a infravaloredes, nin o tempo que vos pode levar que pode variar moito (de 6 a 10 horas, é unha marxe enorme) e atención á volta que a neve soe estar en codicións pésimas.

Esta vez durmindo no Val Branco, ao pé de Cosmicos, co Triangulo de Tacul ollándonos

Iniciando a travesía, como vedes terreo cómodo.

Comezando a descender cara o Col du Plan

Miguel no primeiro rapel do Rognon du Plan

Araceli na trave antes do segundo rapel

Travesia sobre neve despois de descender o Rognon, se a neve esta branda atencion ás placas de rocha sobre as que se mantén.

Cesar, Miguel e Manu ao pé da pirámide final da Aiguille du Plan.

Aínda hai que escalar para chegar ao cumio, pola vertente de Chamonix!!

Cima pequena e nós somos moitos, he he, un pracer de compañía!!

Desde o cumio o precipio ábrese cara a Mer de Glace, precioso!!

Un par de rapeles curtos nos depositan no glaciar.

Escalando o Rognón de Plan no regreso á Aiguille du Midi

Nalgún lugar a neve estaba fatal e era máis seguro facer un rapel.

Bonita foto onde podemos ver a arista de neve que nos leva á Aiguille du Midi

O bosquexo do Rognón du Plan na cara do glaciar de Envers du Plan

 

luns, 14 de agosto de 2023

ESCALADA, ESPAZOS NATURAIS E ECOLOXÍA

A escalada está de moda e non vai parar de estalo, cada día somos máis. O montañismo, o sendeirismo e os lugares naturais que atraen turismo están de moda. A ferratas, tirolinas, camiños fabricados e pasarelas en zonas naturais excepcionais están de moda, e masificadas ata un extremo insostible.

Tamén hai escolas de escalada deportiva masificadas, desenvólvense actividades de ocio na natureza nun marco de seguridade, institucións que xestionan o tempo libre, empresas que facilitan a nosa “aventura”, multinacionais que crean novos materiais cada día… é o crecemento habitual de calquera ámbito sectorial tocado pola man humana, crecemento sostible chámanlle… en moitos casos o único sostible son as apariencias documentais para continuar co negocio.

Rodellar, exemplo de masificación e cultura de escalada con desenvolvemento rural

Vou meterme de novo na lama e intentar traer algo de luz a este problema de actualidade, é un tema complexo que presisa reflexión, con moita moderación pero tamén con determinación porque, posiblemente, estemos nun punto crucial de mudanza dos principios básicos deste deporte. Reflexionar para descubrir que está pasando en realidade, pero non de xeito caprichoso ou arbitrario, senón de maneira racional e crítica, coñecer a realidade explicando, e destruindo, as apareiencias enganosas que incluso reciben o apelativo de científicas. Falamos de ecoloxía e da influencia do ser humano sobre a mesma, e en todo este desenvolvemento sempre hai discordancias, actores, intereses e, como diría un profesor de historia que tiven no bacharelato, “¿fáltanos un factor para explicar este conflicto? un que sempre está presente: o factor económico”.

Cuenca, moitos escaladores/as ao pé da cidade, con cultura de escalada e convivencia coa natureza

O movemento ecoloxísta sempre tivo como obxectivo a preservación da natureza, para isto desde hai moitos anos dedicouse a EDUCAR á cidadanía para que cada un de nós respectásemos o medio, foi un traballo ben feito, actualmente é unha realidade a conciencia xeral da poboación, temos organismos e institucións que defenden o medio e dotámonos de ferramentas para contaminar o menos posible, e ninguén discute a necesidade de todo isto, está asumido pola maioría, e cómpre seguir educando e avanzando na radical conciencia ecolóxica da cidadanía. Porén atopámonos nunha contradición, porque nunca tivemos tanta contaminación, tanta destrución de espazos naturais nin tan profunda emerxencia climática. Teremos que preguntarnos por qué falamos dun movemento social con notable éxito, nos medios que se propuxo, e con tan malos resultados nos obxectivos finais... hai algún factor negativo que está participando e que parece que non vemos. E, por suposto, non critico con isto ao movemento ecoloxista, estouno loando en todo ese traballo de educacíón porque o principal labor dun movemento social é cambiar a conciencia da sociedade.

Petrocoptis grandiflora, cómpre coñecela e conservala, tamén nos camiños, nas pistas e nas canteiras.

Agora falemos dos espazos protexidos. A realidade é que a xestión destes espazos ten moita regulación pero pouca protección, con obxectivos pouco definidos ou pouco ambiciosos, alén de que non se aplica en moitos casos. Entramos no ámbito da política, tan importante que xestiona as nosas vidas e aínda que queiramos pasar dela non podemos. A Rede Natura é unha realidade que nos inflúe como cidadáns e como escaladores/as, está desenvolvida por plans de uso e xestión que se realizan segundo directivas que proceden dos nosos responsables, axentes sociais e políticos que, como en outros ámbitos, responden a intereses múltiples e actuan na medida ideoloxica e estratexica do partido, do colectivo, da empresa ou da simpatía polo interlocutor, iso no mellor dos casos, sen confesar outras comenencias particulares.

A defensa do patrimonio natural sempre precisou asociacionismo reivindicativo

Por iso os espazos naturais en Galicia teñen unha xestión pauperrima, poñendo o acento na prohibición ou regulación de actividades puntuais de explotacións familiares ou sobre colectivos con pouco peso socio-político, e permitindo saltarse a lei de costas, creando explotación acuiculas en lugares protexidos, eólicos por todas partes, edificacións en lugares estraños, canteiras onde faga falla (a metade delas improdutivas e a monte), pistas por calquera razón (algunha ata o casoplón que apareceu no medio do monte, mesmo asfaltada), portos exteriores (con dragados inmensos sobre as nosas costas), desmontes (o territorio está cheo de “buratos” para construir que quedaron para o feismo) encauzamentos de rios (para gañarlle espazo ao río, ata desfacendo as ribeiras con paredes de hormigón), e tantos e tantos atentados contra o medio, algúns regulados con planificación de futuro e outros ad hoc, é dicir, pensados para un fin especifico nun momento dado.

Riglos, a maior tradición de escalada e de masificación, con liberdade case absoluta sobre as súas paredes e, ultimamente, limitando estacionamentos e pernoctas só para quen poida ou estea disposto a pagalo.

Sabemos pois que as regulacións teñen un proposito ás veces difuso, e outras mesmo contrario ao fin que se pretende. Na ecoloxía e na conservación de espazos naturais isto é algo común. Aquí é onde debemos pararnos, cómpre que haxa regulación, mesmo prohibición, de uso dos espazos naturais, pero se esa regulación non é boa, ou non incide nos problemas reais, estaremos educándonos toda a vida, teremos boas practicas pero non influiremos sobre o problema que nos ocupa, que é a conservación dos espazos naturais e a convivencia co resto das especies do planeta. Se non cuestionamos as malas planificacións, ou as malas regulacións, perdemos perspectiva e acabamos sendo un produto máis dun sistema creado por intereses contrarios aos fins pretendidos.

Rede Natura, normativas europeas financiadas con fondos da UE, principalmente fondos agrarios e estructurais. Galicia entre as peores CCAA na conservación da súas zonas "sensibles"

Os escaladores/as repercutimos no medio, non hai dúbida de que os rochedos son espazos naturais privilexiados e a práctica deste deporte ten, cada día máis, un impacto sobre o medio natural. Pero tamén é certo que a natureza sempre conviviu co ser humano, é o normal, senón teriamos que borrar do mapa algunhas aldeas, as zonas rurais precisan xerar actividades economicas pouco invasivas, tradicionais e/ou modernas, que lles permitan vivir dignamente e posibiliten medios para dinamizar a xestión respectuosa do seu contorno natural. Os escaladores/as tamén precisamos educarnos para ser respectuosos co medio, principalmente porque cada día somos máis e máis diversos, pero a nosa influencia sobre o espazo natural é limitada se a comparamos con outras actividades, altamente agresivas, que se permiten e se promocionan.

Rapaces como o Falcón Peregrino debemos respectalas no seu período reproductivo.

A tradición alpínistica mantén a escalada en zonas do máis alto valor ecolóxico, dentro do alpinismo inclúo a escalada tradicional, cunha cultura de boas prácticas e de respecto ao medio estas actividades non son de gran incidencia no medio, basicamente porque non hai masificación, pensar nas 4-6 cordadas que poden subir no primeiro bus de Ordesa é ridículo se o comparas cos milleiros de persoas diarios que camiñan polo val. En Picos, Montrebei, Cienfuéns, Monserrat, Ponoch, A Peneda, Vegacervera, Alcandoras, Peñas de Prao, Galayos… pasa o mesmo, con algunha excepción moi puntual. Non me vou parar nisto porque é unha evidencia, talvez habería que analizar o que está acontecendo coas vías ferratas e con algúns sendeiros, coido que isto precisa regularse e unha reflexión moi seria, pero como quen promociona estas actividades soe ser algún organismo a tormenta perfecta está elaborada. A montaña e a natureza sempre se defenderon soas, aínda que nalgúns casos hoxe precisan certa axuda, hai zonas que debemos regular e protexer, pero o principal é non facilitar o acceso con medios mecánicos ou camiños “creados” á natureza, por iso digo que se defende soa, se o esforzo de acceso é maior limitamos a masificación, non podemos pór un ascensor ou unha pasarela e logo regular a multitude que accede, e estase facendo. E algo parecido está acontecendo coas carreiras por montaña, masificación por percorridos de alto valor ecolóxico, co simple que sería levar os trazados por lugares menos sensibles e/ou limitar algúns aforos a cifras que baixen de miles de inscritos. Alguén debería pensar nisto pero coido que é imposible de arranxar, xa estamos mentalizados para aceptar este enfoque do ocio e de aventura cómoda, e se a maioría o acepta os organismos responsables xustificarán estes usos, e abusos.

As reivindicacións do asociacionismo ecoloxista, sempre incómodas para as políticas económicas

A escalada deportiva é o suxeito principal cando nos referimos á pegada dos escaladores/as sobre o medio. O impacto ten que ver coa afluencia de xente que practica esta modalidade, coa apertura de novas zonas e cunha cultura competitiva alonxada dos valores tradicionais da escalada, e pasa o mesmo co bloque, aínda que con menos impacto, principalmente polos valores de escalada limpa e con moita menos influencia da cultura competitiva. Porén, exceptuando as zonas “famosas” ou as próximas a algunha cidade, tampouco vexo masificación na escalada deportiva. Se falamos de zonas “famosas” pensamos en Rodellar, Riglos, Siurana, Margalef, Chulilla, Albarracín, El Chorro, La Pedriza, son lugares nos que escalamos acompañados pero realmente hai moitos máis senderistas (ou barranquistas no caso de Guara) e turistas que escaladores/as, en algúns destes lugares a escalada serviu para o coñecemento e desenvolvemento da zona, os responsables públicos, observando o crecemento, diversificaron as actividades para máis xente (ferratas, barrancas, sendeiros preparados…) e cando veu a masificación (derivada dese coñecemento) viñeron as regulacións, que en moitos casos están alonxadas do espirito das normativas europeas, e todo o mundo comezou a pagar parking, a pernocta prohibiuse se non estás aloxado nun negocio da zona e as áreas proximas encheronse con campings, hostais e bares con terraza, cando non se ampliou a estrada para que o acceso en coche non fose tan arduo. Nestas zonas as regulacións son un lavado de cara para o business, realmente non se vai deixar de acceder porque a economia local depende desas actividades e hai moitos intereses empresariais e políticos en xogo. A niguén se lle escapa que se houbese un niño de quebrantahuesos en Rodellar (serra de Guara) non se pecharía media escola, ou o acceso á barrranca, como moito pecharán algunhas vías. Cienfuéns (tamén en Guara) está prohibido a maior parte do ano, pero aí suben a escalar como moito 20 ou 30 cordadas en toda a tempada, pouco interesante para os negocios! Nas zonas próximas a cidades tamén soe haber masificación de escaladores, moitos son lugares sen gran impacto ecolóxico, porén hai algúnhas zonas onde coido que cómpre regular para protexer a flora e a fauna. Realmente pasa algo parecido ao que aconteceu coas zonas “famosas”, a diversificación para diferentes prácticas de ocio fixo crecer economicamente a zona, “humanizouse” o contorno con pistas e áreas de comidas, convertironse en zonas de escape da cidade... ou onde acabar unha noite de copas... pero pernoctar segue estando prohibido!!!

Escalando en Penarubia (Espolón Fiz-Roi), sen presencia aparente de Petrocoptis.

A Galicia non chegou a masificación, nin as zonas de escalada deportiva nin á escalada en bloque. Se exceptuamos algúns días ao ano, e só en dúas ou tres escolas próximas a cidades, ou nalguna zona de bloque máis concurrida, normalmente escalas con algunha cordada próxima ou só cos teus colegas. Porén as regulacións e prohibicións están profundamente enquistadas, hai un montón de áreas afectadas e os coflictos de xestión da natureza soemos pagalos os escaladores e escaladoras que nos enteramos do asunto cando pasou o leiteiro, só nos queda a pataleta de bar ou a resignación, “éche o que hai”.

Escolas enormes con afluencia moderada, case 500 vías e en toda unha semana só apareceron tres franceses. Hai espazós menos "famosos"

Un dos lugares historicamente afectados é Covas, agora tamén regulada a zona leonesa. Non podo entender como se prohibe escalar na maior parte dos sectores, ou haxa que pedir un permiso adminisrativo para lugares xa arrasados polo “desenvolvemento” humano, nunha zona onde proliferan as canteiras, moitas abandonadas, hai un encoro altamente invasivo afectando a unha ribeira natural excepcional, tendidos eléctricos por todas partes, zonas de ocio próximas, desenvolvidas nos últimos anos (que inciden na proliferación de turistas, de momento aínda pequena, pero que incrementan o risco de incendios forestais de forma exponencial) novas pistas e estradas por todas partes… pero o problema son as actividades de ocio como a escalada, se os rochedos teñen unha biodiversidade importante cómpre estudar onde hai especies a protexer e regulalo, algunhas destas endémicas en Galicia simplemente porque non é territorio de calizas, outras que hai que conservar inequivocamente, pero íso é xestión. A nidificación de aves tamén afecta a áreas de escalada, o curioso é que se entenda máis invasivo o acceso de 10-20 persoas ao ano a unha área que unha canteira enorme a pleno rendemento ou unha estrada pola que pasan miles de vehículos, talvez cortando polo eslabón debil aparentemos unha xestión, ou unha planificación para xestionar, pero a realidade é que non a hai. O PORN (Plan de Ordenación dos Recursos Naturais) da Serra da Enciña da Lastra parece unha copia adaptada de calquera outra zona de características similares, ata establece, por prevención, actividades que practicamente non teñen presencia na área como parapente, actividades nauticas no encoro, descenso de canóns, voo de helicópteros turísticos… incrible! as canteiras sinálaas e advirte sobre o risco de novas canteiras, pero esquece propor a regulación do que hai que xa é altamente destructivo, como nas demais actividades de negocio, os que aprobaron o PORN xa sabían o que era posible e o que era flicción, así cortaron o posible, as 10 persoas ao ano que subían escalar a algún sector eran o eslabón débil. Estamos onde empezamos, moi mentalizados e moi educados, con prohibicións e regulacións pero a canteira segue acabando coa montaña.

As empresas altamente invasivas tamén saben dar o seu discurso, agora non son canteiras, agora son empresas extractivas; vaites coa linguaxe como se nominaliza, perdón privatiza, perdón externaliza... En Pena Trevinca á sostibilidade só lle falta inventar unha máquina que arrase todo e deixe a serra como a Terrachá.

O furuto é moi escuro, necesitamos xestión para conservar os espazos naturais, precisamos educarnos e que a natureza se defenda no posible por si mesma, e se hai que regular ten que ser de forma xeral e con coñecemento, con xestión para que as áreas rurais se desenvolvan con naturalidade e conserven as ribeiras e as zonas agrogandeiras, o crecemento sostible é unha palabra sen sentido cando o que debemos é conservar, e ás veces para conservar hai que decrecer. A influencia dos escaldores/as na Serra da Enciña da Lastra é moi pequena, e a regulación para esta actividade na zona moi grande.

Cienfuens, Guara case prohibido. Aínda así cando ias escalar e andaban 100 cans e 30 cazadores pegando tiros e a berro limpo a cousa púñase seria, para os humanos, os demais habitantes animais e vexetais xa tiñan asumido que os que lle molestaban en decembro eran os 4-6 escaladores.

Precisamos asociacionismo reivindicativo e organismos negociadores, alén de escaladores/as educados/as e coordinados, as accións de despacho só serven cando temos apoios para defendelas, porque os argumentos chocan contra os intereses e acaban no caixón do esquecemento. A FGM ten que facer o seu labor para que os espazos naturais en Galicia teñan a xestión precisa, e unha regulación realista, reflexionada e crítica, para a conservación da natureza e a evolución dos deportes que desenvolve e, máis ca nunca, os escaladores/as debemos harmonizarnos como colectivo e reivindicar unha xestión, e unha regulación, posibilista entre a práctica do noso deporte e a conservación dos espazos naturais. Neste sentido loar o traballo desenvolvido no Faro de Budiño coa prohibición de escalada dunha área pola nidificación do Falcón Peregrino, aí está o modelo, e probablemente nunha das zonas con maior masificación. A reflexión é por qué en Budiño pode haber 100 escaladores/as a 100 mts do niño dunha rapaz protexida e en Covas non podemos estar 4 escaladores/as a 500 mts doutra rapaz. Reflexión triste pensar en que probablemente sexa pola propia masificación (canta mais xente menos poder para regular, ou máis argumentos para defender a escalada) alén de por ser un lugar historico para a escalada galega. Se este tipo de entendemento é un modelo dos plans de xestión debemos reivindicar outros, o obxectivo é conservar, para iso a dinamización das zonas rurais é fundamental, nesas zonas todas as especies do habitat se entenden con humanos desde tempo atrás, non podemos ir desde os despachos a decirlles como facer, e menos cando lles prohibimos actividades de pouco impacto ecolóxico e desenvolvemos outras terribles como os eólicos ou as canteiras.

 

O diñeiro e o poder sempre tiveron como primeira regra o respecto e conservación da natureza, moito antes co negocio.

Sen actores que aglutinen ao colectivo escalador, nin organismos que defendan estas actividades nos despachos, nin políticos que xestionen a realidade dos espazos naturais… o futuro é un absurdo corta e pega de ordenador que remata nun documento oficial, e finalmente nunca se poderá desenvolver pola acción doutros intereses, normalmente económicos, e pola súa propia irrealidade sobre a área en cuestión, alén de que xestionar non remata nun documento, supón un esforzo humano e económico importante. E nós con moitos argumentos e sen ningún tipo de capacidade de acción, nin de presión, para incidir nin no que se aproba nin no que se fai. Así estamos!