luns, 24 de setembro de 2012

Pisón: Hechizos del viento (ata as viras do Puro)


Era primeiros de agosto e en Aragón ía unha calor de xustiza, escalar en Riglos só era posible madrugando moito ou na norte do pisón, e aló fomos! Ese día Toño e eu marchamos encantados facer esta vía que, debido ao equipamento antiguo, é menos frecuentada cás súas veciñas, escalámola ata as viras que levan ao collado do Puro, onde dá a sombra, alén de ser o mellor da vía... a parte superior escaleina hai uns anos e non ten a mesma calidade que a inferior, aínda que a complementa. A Hechizos del viento tiña sido restaurada en parte, equipáronse os dous primeiros longos con párabolts e meteuse algún outro no terceiro longo, a partires de aquí o material estaba moi obsoleto… pontes de rocha con cordinos demasiado vellos, pitóns dos que daba medo ata colgarse, buriles en estado ???… en fin… a vía é moi boa e o equipamento permiunos pasar pero “amarrando” moito porque a posibilidade de caer e levarte todo contigo era unha incertidume, he he. Cando baixabamos Toño e eu concordábamos en que a vía melloraría bastante mudando os cordinos das pontes de rocha e engadindo, nas panzas máis dúras, algúns párabolts que permitisen escalar en libre con algo de seguridade.
Uns días despois Toño e Manolo volveron a facela e fixeron ese traballo: meteron algún párabolt nas panzas máis duras por riba do terceiro longo e mudaron algúns cordinos das pontes de rocha. Eu xa tiña feito un bosquexo da rota tal e como eu a vira, pondo o material cutre que había e mostando os eses que fai o itinerario… deste xeito incorporei as modificacións que eles me contaron e fixen un bosquexo que coido é bastante aproximado, espero que gocedes das fotos e penso que o bosquexo vos servirá para repetila. A parte superior hai anos que a fixen pero paréceme lembrar que tamén lle meteran un par de párabolts na zona máis fina e o resto estaba limpo, aínda que se protexía bastante ben con algún micro e/ou empotradores. Imos ver unhas fotos e ao final déixovos o bosquexo que fixen.
Toño comezando o primeiro longo, V+.
No L2 comezas a pillar altura, 6a.
O L3 comeza nese diedriño que ten un paso cabrón, 6b.
Toño buscando onde meter un empotrador, este é o inicio do longo chave, 6c.
Outra foto nesa primeira panza de 6b do L4, agora hai algún párabol e mudaron tamén os cordinos das pontes de rocha
De novo o L4, a panza que está por riba de Toño é o máis duro da vía, 6c.
O L5 ten poucos seguros pero vai buscando o fácil, V.
Toño comezando o L6, hai que navegar entre panzas!, V+.
O bosquexo que fixen ata as viras do collado do Puro, penso que estará bastante acertado! o grao segundo eu o vin!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario